sábado, 25 de xullo de 2009

Sarna con gusto non pica





Unhas veñen e outras van. A miña compañeira de refuxio volta á súa terra nipona e entre isto e as merecidas vacacións nos meses de vran - das que me vin privada todos estes anos de vida laboral -, a visita de amigos á cidade e os meus próximos viaxiños estivais fanme ver este Madrid con outros ollos... aquí vos deixo fotos roubadas deste meu adorado burato de cemento fervendo!

[Fotos: Lomo-excusión en Madrid; Rie's eye; incrible debuxo nunha obra no meu barrio]

venres, 24 de xullo de 2009

Vivir rodando!


Este regaliño, recordo do paso do noso grupo Humor vítreo por terras asturianas chegounos fai unhas semaniñas á casa... dende aquí un abracísimo a Paula, Pablo e Chechu e todos o que fan posible que en Avilés e Xixón haxa cultura viva!
Unha aperta rapaces!!!

mércores, 22 de xullo de 2009

Recortar e pegar


Onte tiven a sorte de ter entre maus dous libros de collages de Wislawa Szymborska gracias ao meu amigo Martín. E trouxen para a casa mil agasalliños de poesía asturiana da que me oiredes falar... bicos, xenerosísimo!

sábado, 18 de xullo de 2009

Dentro do faro


Escribindo sobre o lazo que me ata (pracenteiramente) na vida a unha escritora coa que estou a colaborar, rematei en Rapunzel. Cada día xogo ó conto na miña vida cunha persoa amada que me bota a trenza...e esta semana afiei a mirada sobre a miña unión libre con esta fera e o descubrimento capilar foi tremendo. Entusiasmada estou! Muaaa dende aquí bela!



[Fotiños: A torre de Hércules, a Nanou ao Rapunzel e o faro por dentro!]

venres, 17 de xullo de 2009

Iluminadas


As amigas da radio, REBELDES SIN SOMBRA xa teñen blog... alí podedes acceder aos audios que van colgando e saber por onde se moven... noraboa rapazas, hurra!

mércores, 8 de xullo de 2009

Tan persoal, tan político

Debut de Las Señoras en el Rock Palace from jbeechoo on Vimeo.



O sábado puidemos desfrutar da nova onda de punk que hai por aquí. Dende lugares diferentes SILLA ELÉCTRICA, LAS SEÑORAS, FRACASO E SUDOR, fixeron que a tarde - noite fora bonita, achavalada, libre e ruidosa como naqueles días da CSO El Cierre.
Pasámolo bomba... para que vos fagades unha idea, aquí vos quedan as señoras arriba e os sudor (outro día na boite) embaixo.






[dobre click sobre a imaxe para ler as letras de SUDOR]

venres, 3 de xullo de 2009

Renderén #2 (2009). Nada de nada


XA NAS MIÑAS MANS O FABULOSO RENDERÉN!!! Mil gracias rapaces! que traballazo fermoso!

galiza, verao de 2009

Vén de saír do prelo “A Civilización enferma”, o novo monográfico do Ren de Ren. Este segundo traballo do colectivo libertario galego xunta un bo feixe de colaboracións, todas elas orixinais, coas que submete a unha rigorosa e implacábel observación o proceso de industrialización da vida ao tempo que reivindica a necesidade actual de renunciarmos ás ilusións domésticas que ofrece a civilización capitalista en pos da saúde, da plena liberdade e do ben común.

Para comezar, Miguel Amorós ofrécenos a súa diagnose e tratamento para esta sociedade doente de capitalismo. De seguido, adentrámonos nese labirinto social da mao de varixs membros da asociación viguesa Forzas Eskizoá; e nunha liña semellante, na cerna da diferencia, o anti-pedagogo Pedro García Olivo, Derradeira cidade e Fátima Bermejo, percorren o desolador panorama que esta nova civilización ofrece aos individuos indefensos.

Unha entrevista con Alejandro Argumedo, agrónomo quechua, da paso ás contribucións de Felix Rodrigo Mora e a xente de Matosende que toman o pulso á relación que mantemos cun contorno natural devastado pola industrialización do agro.

A continuación, Alberto Domínguez aborda as implicacións entre a mediciña, a industria e o autoritarismo; Benito Alonso dá conta dos cadáveres da fría estatística; Marcos Abalde lémbra-nos o pulso do real trala pantalla; Minux pon a mira na trindade perversa do traballo, a produción e consumo; e Manolo Rei, na limpeza patolóxica. Emma Dourado, fai un completo resumo da problemática sanitaria existente e un chamado á rebeldía contra esta civilización enferma.

O monográfico péchase con novas contribucións de Rebeca Baceiredo (Estamos enfermos ou simplemente non estamos?), Antipanfleto (Comunicar-se no barulho urbano), Eliseo Fernández (A enfermidade do medo) e o poeta Paulo Hortak (Antivirus).

A parte gráfica conta con excelentes achegas de Ana Cibeira, Calavera (desde Valencia), Idoia de Luxán, Kardo Kosta (desde a Suíza), Miguel Brieva (desde Madrid), Minux e Paula Cabildo, ademais do brillante labor de maquetación e as colaxes de Adriana.

As colaboracións foron tan numerosas que aínda haberemos de agardar pola publicación íntegra do traballo monográfico no sitio web de Ren de Ren (http://renderen.blogspot.com) para coñecer as contribucións de Rafa Becerra, David Bruzos, Teresa Rodríguez, Otto Mas e o Grupo de Axitación Social (GAS).

Ren de Ren colectivo mantén firmes as bases orixinais do seu proxecto: a independencia económica e ideolóxica de calquera institución, organización ou asociación, o funcionamento autoxestionado, autónomo e asembleario; autofinanciamento, ausencia de publicidade e de contraprestacións económicas tanto para os colaboradores como para o colectivo editor; rigorosidade nos contidos, belixerancia anticapitalista e plantexamento libertario. Nada máis (e nada menos).

Colectivo editorial Ren de Ren | colectivo.renderen(a)gmail.com | Galiza


Se nas próximas semanas non atopas o teu exemplar nos lugares habituais ponte en contacto con:
Corsarias distri // Telefone: 635 04 05 49 // corsariaseditora(a)hotmail.com

Imaxes: Minux e Adri

Un descubrimento chamado Ellen Rogers


Ellen Rogers: alucinante e alucinóxena.

Indias psicodélicas



As Pocahaunted animaron libremente esta noite a ritmo ácedo... foi unha sorpresa pois non as coñecía: sentímonos máis húmidas, máis animais, máis pequerrechas xogando á bici cos peciños no ar sen deixar de toca-lo baixo, vivas como despois dun día de praia, coa fame da felicidade.