domingo, 19 de decembro de 2010

Bocadiños de realidade: "Radicalmente inexactas"

Hoxe descubrín un programa interesante na TVE2 que se chama "Los oficios de la cultura". Desta volta eran Miguelanxo Prado e Yago García os que compartían coñecementos e dúbidas respectivamente.  Pareceume bonito todo pero raro que non puidesen entreles falar galego (subtítulos mediante*) e así que todos eses obxectivos de respecto ás outras culturas das aulas escolares comecen a ser reais na rúa e na vida dos adultos. Refírome á adultez porque fai un par de meses, despois de anos sen ver a tele, puiden coñecer ós lunis e á súa canción polos dereitos das nenas e dos nenos, e fan ben en especificar que ese é o obxectivo, porque na adultez vaise converter en límite e sobrevivir pode nalgúns casos ata depender de facer xusto o contrario ó que berra esa valente canción. Refírome á adultez porque son as nais (ú-los pais?) as que preguntan (suxerindo a queixa, aínda bo é que a vergonza lles suxeite ser explícitas!) por que este Nadal as panxoliñas que se canten nun cole madrileño público e laico calquera van ser rumanas, venezolanas e unha bela canción espiritual sudafricana. E aquí vos remito ós links das fermosísimas cancións que amosan o criterio estético polo que foron seleccionadas! ademáis de polo obxectivo de coñecemento doutras culturas, respecto por todas as linguas, e integración real dos compañeiriños e compañeiriñas rumanas da clase! quizais ademáis é unha bonita forma de levantar o lado da balanza cuxo prato permanecía pegado á mesa -iso si por iniciativa persoal dun profe concienciado, non dun centro cuxo currículo reza xusto este enfoque!-, nestas datas cunha única celebración posible, tamén para alumnos e alumnas musulmanas, coñecidas como Nadal.

O outro día tamén na mesmo canal deixei de fondo unha película que xa vira: Nubes de verán. E a verdade é que aínda ando pendiente de averiguar se lle dobraran as conversas entre os curmáns, porque que eu lembre falaban un baixísimo catalán entreles (como o real, o que non sae na tele, ben bonito) e o resto da película (xa vos digo a versión que eu vira!) era en castelán: os protagonistas viñan de Madrid pasar o verán a unha vila catalana. A verdade é que me parecera un bo cadro realista ó Rohmer en parte tamén por isto:  amosaba o que pasa na vida coas linguas, amosaba o crisol lingüístico sen cuestionalo. De verdade creo que a naturalidade (en tódas as direccións) é o mellor xeito de achegarnos á situación real das linguas (fronte á esquizofrenia política), para logo poder desenrrolar as que específicamente queremos coidar.

E por falar un pouco de todo e apoiando o que digo, onte viñen dunha festa na que á saída había unhas caixas con libros para coller e fíxenme coa traducción ó castelán do primeiro libro de EIDER RODRÍGUEZ, da que me fascinou o seu segundo, Carne (Hiragia) e tamén a selección de relatos feita por Atenea en edicción bilingüe para estudiantes de éuscaro baixo o título de Cuatro Cicatrices (Eta handik gutxira gaur) fermosamente traducido pola mesma autora. A verdade é que é un luxo poder acceder a unha realidade diferente a través da escolla de palabras que representan esa realidade (e orde simbólico) que non poderían ser explicados con outras... un luxazo poder saber dende unha lúcida mirada e postura o que pasa aí. Feliz estou con este agasalliño que me choveu do ceo, alimentando o espírito e completando a biblioteca, ai! jeje...

A verdade é que temos moitísima sorte de dominar a lingua irmá -o castelán- da forma en que o facemos, e que Diccionario de ideas afines de Corripio** sexa cada vez menos reto, jeje... pero o que me amola ás veces -e que os meus amigos madrileños só poden entender abrindo antes o mapa da historia de Ciencia Ficción que lles vou contar- é que palabras moito máis sinxelas e de uso cotía da miña propia lingua (a da miña nai, meu pai, meus avós e avoas e tamén os tataravós...) son as que teño que apre(he)nder cada día, -sempre sen esquecer que non é persoal isto, senón consecuencia do descoido durante anos do noso tesouro vivo.



* Aínda que... lembrades os documentais de toda a vida en inglés no que se escoitan a tanto a lingua orixinal como á que se dobraba unha por riba da outra?

** Ei! buscando un enlace ó dicionario enteirome desta polémica sobre as palabras afíns a libre asociación no imaxinario social da verba "homosexual" que recolle Corripio (cecais o problema non sexa tanto del como da nosa sociedade enferma!) e da calificación do dicionario de Seco do dicionario como "radicalmente inexacto" ben bonita por certo, seguramente malia á súa intención!

Ningún comentario:

Publicar un comentario