luns, 15 de xuño de 2015

(Des)esperanza

Leonardo Alenza 



Did I ever tell you that story of when I told my Dad I wanted to be a writer and he said, “We'd all love sit on a pillow and eat bonbons all day”? 

Kate Durbin 

Odio o humor, por min que dimitan todos os graciosos do mundo. Primeiro, os que se rin dos galegos. A miña escritora favorita é Marguerite Duras: cero humor. Odio a realidade político-social. Creo que o persoal é político, pero odio a realidade. Devezo pola ficción. Non podo vivir sen fabular. Os días nos que todo pesa, todo é só real, son odiosos. Case todos os días loitan por ser así, eu empuxo empuxo empuxo sen un horario para escreber, algo que estou por cambiar. Escribir é coma un baño antes de deitarse para min. Escribir é unha masaxe, aínda que sexa así: unha escritura absurda, que non serva para nada, nin para vós nin para min, como é a desta noite. Estou chea de carraxe postadolescente aínda. Non sei cómo controlala. Desespero. Escribir non me acouga, só ordena. E abondo. O único que quero saber, o único que quero saber esta noite é se debo tirar esta camiseta que levo posta, esta camiseta horrorosa que só me lembra o día de hoxe. Case nunca a quería poñer, case nin a estreei, hoxe saqueina de proba. De tacto e cor aprobou, pero hoxe foi un día horrible, un día tonto, un día desesperado, así que fóra. Non a quero ver diante. Hoxe comecei tamén a botar libros fóra da casa. Tocoulle ao Adrift's Book da Sayak. Non podo máis coas cousas, dúas casas e ningunha orde. Só me queda estoutra casa, iste blogue. Todo o que non sexa carne de píxel non me serve, todo o que sexa papel e tixeira me sobra. Penso en Alci pasando que é xerundio do que lle digo de que preciso estanterías, penso en todas as caixas que me esperan en Santiago, onde meter as cousas? para que telas se non podo acceder a elas? 
Pero o único que quero saber esta noite é se debo tirar esta camiseta rechea de recordos de hoxe, un día feo, un día de tormenta. Hai alguén aí? Non, ningúen, nada.

Hoxe durmes na túa casa. Eu durmo aquí, algo máis tranquila agora. Hoxe fai unha semana



Ningún comentario:

Publicar un comentario